CANDEÁN
A parroquia de Candeán pertence ao termo municipal de Vigo.
O concello de Vigo situase ao sur da provincia de Pontevedra, na marxe dereita da ría de Vigo. A parroquia de Candeán localízase ao noreste do concello de Vigo e linda polo Norte coas parroquias de Chapela e Cabeiro (concello de Redondela), polo leste coa parroquia de Vilar de Infesta (concello de Redondela), Polo Oeste coa paroquia de Teis e polo sur coas parroquias de Cabral e Lavadores (concello de Vigo).
Pertence ao Partido Xudicial de Vigo e no Plan de Comarcalización de Galicia forma parte da Comarca de Vigo aínda que tradicionalmente e por características xeonaturais pertence á comarca natural do Val do Fragoso.
A propiedade dos montes veciñais correspóndelle á Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Candeán.
Na actualidade existen dentro do monte veciñal de Candeán varios conxuntos megalíticos (necrópoles tumulares) incluídos no catálogo de xacementos arqueolóxicos da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e do Servizo de Patrimonio do Concello de Vigo. Na parcela da Devesa tamén se localizaba un xacemento tumular megalítico que foi alterado coa construción da estrada á Madroa e cos usos relacionados coas zonas deportivas.
A parroquia de Candeán conta con catro entidades de poboación que se reparten por 3,7 Km2 e ten un total de 4.703 habitantes segundo os datos proporcionados polo concello actualizados para o 1 de xaneiro do 2002, dos cales máis de 245 son comuneiros do Monte Veciñal de Candeán.