con
scroll
scroll
scroll


O parque forestal do Vixiador pertence á comunidade de montes da parroquia de Candeán.

O Vixiador conforma un entorno privilexiado e de gran valor ambiental.
Situado ao norte do val Fragoso, en Vigo, ten unha superficie
de 184.878 m2 e está repoboado de carballos americanos, bidueiros, secuoias, cerdeiras e castiñeiros. Tamén hai pés illados de amieiros, acivros, érbedos, choupos e buxos.

O Monte do Vixiador atópase a 400 m de altitude, desde onde se poden contemplar unhas magníficas vistas do val da Louriña, os montes de Portugal, a serra do Suído e a ría de Vigo.

O parque é ideal para pasar un día de lecer, xa que conta con numerosas fontes de auga potable, asadeiros e mesas.

Imprescindible para os amantes da natureza e da micoloxía, para facer rutas a pé e realizar fotografías.

A isto engádese o seu valor arqueolóxico. No parque destacan dúas mámoas pertencentes á Cultura Megalítica (IV a II milenio a.C.) que, xunto con outros dolmens e mámoas, constitúen un cinto de enterramentos tumulares nos lindeiros dos concellos de Vigo e Redondela.

É unha das concentracións arqueolóxicas máis importantes de Galicia.



RUTAS PANORÁMICAS

Varios sendeiros homologados pola Federación Galega de Montañismo atravesan os montes veciñais en mancomún de Candeán.
Destacan:

GR –53 Panorámico de Vigo (+ Info) Ver .pdf

GR – 58 Sendeiro das Greas (+ Info)

GR – 94 Rural de Galicia

Fauna

FLORA

Desde a antigüidade as accións humanas como a tala dos bosques, rozas, labores para a implantación
de cultivos, obtención de utensilios, materiais de construción xunto coa queima itinerante e reiterante
da cuberta vexetal para estimular o desenvolvemento dos pastos para o gando, supuxeron unha actividade
antropoxénica que cambiou a estrutura natural dos sistemas fitosociolóxicos.
Así, o mantemento no espazo das diferentes unidades de vexetación presentes en Candeán responden a
factores naturais (climáticos, edáficos, hidrolóxicos,...), e principalmente a factores de carácter antrópico
que alterando as condicións físicas, dan lugar a unha nova distribución da vexetación, distinta da potencial
(a que se debera dar atendendo só aos factores bioxeográficos e xeobotánicos).

FORMACIÓNS PRESENTES
A vexetación existente está formada por masas de piñeiro
e en menor medida acacia e eucalipto. As comunidades clímax
de Quercus robur redúcense a zonas puntuais ás que poden sumarse
as plantacións de frondosas (castiñeiro, carballo americano, bidueiro,
nogueira, freixo,...) e a rexeneración natural de carballo e castiñeiro
reconducida pola man do home para fomentar zonas de lecer no monte.

Piñeirais
É a masa forestal máis abundante con diferenza no monte.
O Pinus pinaster é a especie principal destas formacións.
De igual maneira que o Eucalyptus globulus, o Pinus pinaster é unha especie de luz,
de copas claras que, a idades avanzadas, presenta un sotobosque con
numerosos brinzais de carballo. A súa composición florística está composta
basicamente por: Pinus pinaster, Quercus robur, Castanea sativa (escasa),
Ulex europaeus, Erica umbellata, Pteridium aquilinum e Frangula alnus.

Eucaliptais
O eucaliptal representa unha pequena porcetanxe da superficie forestal do M.V.M.C. de Candeán. O Seu estrato arbóreo está composto case exclusivamente por Eucalyptus globulus salvo naquelas zonas próximas a piñeirais onde se asocia con piñeiro do país (Pinus pinaster) case sempre reducindo o medre deste último e aínda empeorando a súa conformación.

Masas de acacia
No monte veciñal de Candeán pódese atopar doadamente formacións
monoespecíficas de Acacia melanoxylon de grande densidade,
como é típico nesta especie.

Arboredo de frondosas
En varias zonas do monte de Candeán podemos atopar masas de frondosas, principalmente procedentes de plantación con vocación recreativa e productora, como Quercus rubra, Quercus robur e Castanea sativa. Castanea sativa, Betula celtiberica, Fraxinus angustifolia,
Quercus palustris e outras.


Plantacións de coniferas
Dispersos polo monte e case sempre vinculados a traballos de resposición
e mellora das masas no entorno de zonas de uso social intensivo como son
a Chan do Labrador (lugar habitual de paseo) e próximo á Mámoa do mesmo nome.

Mato
O estrato arbustivo destas formacións está caracterizado por compoñerse
fundamentalmente de nacedío ou bastío de Acacia melanoxylon (mimosa
moura ou acacia negra), Eucalyptus globulus, e puntualmente Quercus
robur (carballo).
A matogueira esta composta de: Cytisus sp. (xestas), Ulex sp. (toxos),
Pteridiumaquilinum (fento común), atopando de maneira puntual outras
especies, incluso arbóreas ou arbustivas como Erica sp., Pyrus cordata
e Frangula alnus.