AS PRIMEIRAS CONSTRUCIÓNS MONUMENTAIS DE GALICIA
Co termo megalito, que vén significar “pedra grande” (do antigo grego megas=grande, lithos=pedra), identifícase
de xeito xenérico a unha construción de carácter funerario, formada por un montículo de terra e/ou pedras (túmulo) con
forma hemisférica e de dimensións ás veces monumentais, que acostuma agachar no seu interior unha estrutura feita
con grandes pedras (cámara). Tamén resulta frecuente a construción dun anel pétreo perimetral marcando o inicio da
elevación tumular.
Para construír as cámaras funerarias colócanse varias pedras verticais, chantadas na terra, e outras de forma horizontal a modo de tapa ou cuberta das primeiras. Poden ofrecer diversas e variadas tipoloxías: con corredor de acceso, totalmente cerradas, poligonais, circulares, cistas, etc.; e ás veces están decoradas no seu interior con gravados e/ou pinturas. Tamén son coñecidas coa denominación de dolmen (en bretón, mesa de pedra) ou, dun xeito popular en Galicia e Portugal, como arcas, antas, etc..

Cámara cerrada poligonal |

Cámara con corredor |

Cista |
Non obstante, moitas veces ocorre que os túmulos (que poden estar cubertos por unha coiraza de pedras) carecen de arquitectura megalítica interior, sendo esta substituída por outro tipo de estruturas máis sinxelas e de menor tamaño: fosas, pequenas lousas fincadas a modo de estela, incluso estruturas feitas con madeira, etc. Este feito tamén pode condicionar as dimensións do monumento, existindo unha gran variabilidade de tamaños: entre 10 e 50 metros de diámetro e alturas que van dende apenas uns centímetros ata 3 ou 4 m.
Se ben algunhas destas construcións, sobre todo as grandes cámaras megalíticas, eran sepulturas colectivas, dentro do fenómeno tumular tamén existen sepulturas individuais (como por exemplo as denominadas cistas).
Sepultura individual ou Cista |
A forma e dimensións destas sepulturas comunícannos que estamos diante dunha estrutura claramente monumental, polo que podemos falar da primeira arquitectura de Galicia realizada con este sentido. A súa tridimensionalidade, volume, materiais, proporcións, simetría e ubicación na paisaxe son as que nos permiten afirmar que estamos diante dunha obra feita polo home que ten o mesmo valor arquitectónico que unha catedral ou un dos rañaceos actuais. |
O megalitismo galego hai que relacionalo cos monumentos emprazados dentro da fachada atlántica europea, e probablemente os primeiros (de pequeno tamaño) comezan a seren erguidos a partir do 4.300-4.000 a.C.
Na mesma época que se construían estes primeiros túmulos no noroeste peninsular, na Bretaña francesa ou nas Illas Británicas aparecían enormes estruturas tumulares, que incluso podían albergar varias cámaras megalíticas funerarias de carácter claramente colectivo.
Túmulo de West Kennet
(Gran Bretaña) |

Megalitismo en Europa |
Nestas zonas da Europa atlántica tamén aparecen outros tipos de arquitecturas megalíticas. Trátase dos denominados menhires: pedras de grandes dimensións fincadas no chan (en Galicia pedrafitas) e que podían estar aliñadas ou formando círculos (cromlech na lingua bretona), dos que se descoñece a súa función e significado concretos.
Os monumentos máis emblemáticos dentro desta tipoloxía, son os impresionantes aneis de pedra de Stonehenge (Wessex - Inglaterra), ou as longuísimas aliñacións de Carnac na Bretaña francesa. Pola contra, en Galicia, o máis parecido a estas grandes estruturas de pedras fincadas é a coñecida Lapa de Gargantáns (Moraña - Pontevedra), un monolito de máis de 2 metros de altura, ou os círculos de pedra de A Mourela (As Pontes – A Coruña).